O pasado 28 de xuño, a ANPA organizou unha excursión ao parque multiaventura Aventura Dakart, situado en Sanxenxo, e a experiencia non puido ser máis emocionante e divertida.
Dende o primeiro minuto, a aventura apoderouse de grandes e pequenos. Os circuítos arbóreos puxeron a proba a destreza e o equilibrio dos participantes, mentres que o tobogán xigante de 60m e a tirolina de 300m sobre o lago provocaron gritos de emoción e risas sen fin.


Os mais pequenos pasárono xenial cos retos, a ximkana e o rocódromo tendo unha oportunidade perfecta para demostrar as súas habilidades e desfrutar da sensación de logro ao chegar á cima.


E non nos esquezamos do paseo en canoa polo lago. Para os máis peques foi unha actividade máis relaxante xa que o que remaba era o monitor. Para os máis grandes foi máis divertido. Algunhas canoas empezaban o paseo dirixíndose directamente aos xuncos da beira do lago e pedindo a axuda dos monitores para que os desencallasen. Outras empezaban igual pero conseguían resolver soas esa situación saíndo dos xuncos coa única axuda dos remos e da coordinación dos seus tripulantes. Algunha canoa incluso rematou debaixo da cascada (non temos claro se por falta de experiencia cos remos ou foi algo claramente intencionado). Pero ao final a maioría conseguiron facerse coa canoa e dar un paseo polo lago.


Sen dúbida, a excursión ao parque Aventura Dakart foi un éxito rotundo. Todos regresamos a casa cansados pero felices, coa mochila chea de recordos imborrables dun día cheo de risas, amizade e aventura.
